Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Que foi das irmás Giraud? Están mortas? Se é así, quen as asasinou? Onde están agochados os seus corpos?
Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura.
Fiel á súa escrita, Ledicia Costas é quen de explorar o máis recóndito da alma humana ofrecéndonos unha novela poderosa e adictiva.
INFAMIA
AUTOR/A
COSTAS, LEDICIA
Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega, e os seus libros son constantemente reeditados. Na colección Narrativa publicou os relatos de «Un animal chamado néboa» (2015), Premio Losada Diéguez, e a novela «Infamia» (2019). Tamén é autora de diversas novelas de fronteira, como «O corazón de Xúpiter» (Xerais, 2012), Premio Neira Vilas; «Recinto Gris» (Xerais, 2014); «Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta» (Xerais, 2016), Premio Lazarillo, Premio Gala do Libro Galego e White Ravens; ou «A balada dos unicornios» (Xerais, 2018), obra coa que gañou por segunda vez o Lazarillo, así como o Premio Kelvin 505 á mellor novela xuvenil orixinal de 2019. En 2014 recibiu o Premio Merlín e o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por «Escarlatina, a cociñeira defunta» (Xerais, 2014). É autora de títulos tan emblemáticos como «Esmeraldina, a pequena defunta» (Xerais, 2016) ou «A señorita Bubble» (Xerais, 2018), Premio Gala do Libro Galego. Os seus últimos libros publicados son «Conexión Macarrón» (Xerais 2019) e «Vampira de biblioteca» (Xerais 2020).